Publicado o

Tarxetas personalizadas para agasallo

Tes que facer un agasallo? Pola situación actual de alerta sanitaria tivemos que aprazar os envíos dos pedidos na nosa Tenda Online, por iso deseñamos unhas tarxetas personalizadas para os teus agasallos:

Enviarémosche unha tarxeta personalizada coa mensaxe que nos indiques e as imaxes dos produtos do teu pedido para que poidas reenviarlla á persoa á que lle fas o agasallo o día que ti prefiras.

Podes escribir a túa mensaxe para a tarxeta no apartado de “observacións” cando fagas o teu pedido. Tamén podes poñer o enderezo de esa persoa coma “enderezo de envío” para que lle chegue directamente ao seu domicilio cando a situación sexa propicia para reactivar os envíos.

Se tes algunha dúbida podes contactar con nos en info@deicacreacions.com

Publicado o

Sorteamos un “Capacho de Fin de Ano”!!!

Para despedir o 2019 e darlle a benvida ao 2020 sortearemos este “Capacho de Fin de Ano” entre tódolos pedidos que realicedes na nosa tenda online ata o 30 de decembro (incluído). Tódolos pedidos ata esa data entran automáticamente no sorteo, incluídos os que fixéchedes nos primeiros días decembro.

A persoa premiada no sorteo que celebraremos o día 31 de decembro, recibirá na súa casa:

– Lenzo #Toxo

– Lámina Grande #Serea

– Lámina Pequena #Sardiñas

– Colgante Grande #Verza

– Broche Grande #Vellos

– Brazalete #Rosalía

– Chaveiro #Reciclaxe

– Anel #Labrega

– Pendentes pequenos #MansPandeireta

– Mandil de cadros

– Capacho

Publicado o

Sorteo “O meu deica!” Colección 2017

Bases do sorteo:

Sortearanse dous pezas e unha lámina a escoller dentro da Colección 2017 de deica!

Requisitos:

1 – Segue a deica! en Instagram

2 – Comparte unha foto da túa peza de deica! mencionando no comentario: @deica_creacions

O prazo para subir as túas fotos empeza o venres 31 as 00:00 e remata o Domingo as 23:59.

O sorteo terá lugar o longo do luns 3 de abril e informaremos a través das redes sociais o nome da persoa agraciada.

 

 

Publicado o

Colección 2015 – Toxo, Carballeira e Lique

A natureza forma parte dun xeito especial da nosa identidade, ten unha influencia profunda en nos e na nosa filosofía e por iso ten o seu lugar en deica! A natureza galega ten unha capacidade infinita de xerar emocións, de modular o noso estado de ánimo, de condicionar a nosa vida… Fragas, vales, ríos, montes, praias e illas son tesouros dos que desfrutamos pero polos que tamén sufrimos (lumes, petroleiros, industrias contaminantes…) porque os sentimos coma unha prolongación do noso propio corpo.

Nestes primeiros “deicas” da “familia da natureza” pensamos en tres iconas da nosa xeografía:

O Toxo e as súas flores enchen Galicia de cor case todo o ano. Fermosa e delicada a vez que resistente e agresiva, pranta salvaxe que se adapta a todo, que renace das situacións máis difíciles e que durante séculos foi un recurso amplamente aproveitado para a vida diaria do campo.

deica creacions 2015 toxo

Un paseo pola Carballeira é unha mostra de escultura expresionista, unha revolta de formas debuxadas no ceo que cambian co día e co mes do ano. A carballeira é moito máis que un conxunto de arbores, é un ecosistema equilibrado e sostible, un fogar. É un escenario ideal para as festas e as romarías, un escenario para a vida.

deica creacions 2015 carballeira

O Lique é un termómetro do estado de saúde da natureza e Galicia esta chea deles, dende os máis delicados ata os máis resistentes. É un ingrediente inseparable da nosa arquitectura, sexa na pedra, na madeira, no formigón, no ladrillo ou na uralita, en pouco tempo os liques entran en acción para policromar e mimetizar as construccións coa paisaxe.

deica creacions 2015 lique

Publicado o

Colección 2015 – Sachadeira e Tamborileira

A música non pode faltar en cada nova colección de deica! A nosa banda sonora vai gañando en matices con cada incorporación.

A Tamborileira bate o tambor e acompaña nas foliadas o son da gaita cos seus redobres.

A Sachadeira traenos o son das celebracións vencelladas ós traballos colectivos do campo. Toca o sacho acompañando as coplas entre faena e faena. É tamén o guiño que dende deica! Lle facemos a celebración da Aña Urbana en Pontevedra, que cada ano marca o noso aniversario.

deica creacions 2015 tamborileira

deica creacions 2015sachadeira 1

Publicado o

Colección 2015 – Labrega e Mariscadora

Galicia é un país de mulleres loitadoras cun marcado sentido da dignidade. Traballan día a día no mar e na terra superando, moitas veces soas, os obstáculos dun mundo que non está pensado para elas. A bata-mandil é para nos un símbolo da súa identidade. Nais, fillas e aboas que son transmisoras dos saberes dunha cultura milenaria. Non sentan en consellos de dirección nin manexan negocios millonarios e moitas veces son invisibles, máis nos as temos por imprescindibles.

Moitas traballan cunha das riquezas máis importantes que temos, os recursos naturais, coidando do seu equilibrio e esforzándose para mantelo. A Mariscadora no mar e a Labrega na terra, co capacho na cabeza e o fouciño na man son as dúas ilustracións coas que quixemos homenaxealas na colección 2015 de deica!.

deica creacions 2015 mariscadora

deica creacions 2015 labrega

Publicado o

Colección 2015 – Rosalía

Na colección 2015 de deica! Quixemos facerlle unha homenaxe a nosa admirada artista. Rosalía merecía un retrato que fixera xustiza á muller vital, intelixente, valente e loitadora que percibimos nas súas obras.

Sempre se nos presenta a Rosalía como unha muller melancólica, chea de morriña e de saudade, que sufriu a discriminación de ser á vez muller e galega. Pero nos non atopamos nin rastro de victimismo nin da melancolía que intencionadamente se lle atribúe e si moito de forte personalidade e profunda sensibilidade, de vigor e rebeldía, de entusiasmo por unha terra, por unha natureza, por unha forma de vivir… Moito de retranca e de ironía, moito de denuncia explícita das inxustizas. Ela mestura con naturalidade a tradición e a vangarda nas súas obras e o seu pensamento segue hoxe a ser adiantado. Rosalía é un espello no que mirarse como galegas, e recoñecerse diversas e fermosas, fortes, intelixentes, alegres e loitadoras.

Por iso, e lonxe das iconografías frías e masculinizadas, que a presentan máis coma icona inmóbil de pedra, queríamos retratar a unha Rosalía viva coa que poder seguir a dialogar hoxe arredor das luces e sombras do pensamento, arredor do xénero, da identidade, da cultura, da política, da vida…

deica creacions 2015 rosalía 2