Sempre se nos presenta a Rosalía como unha muller melancólica, chea de morriña e de saudade, que sufriu a discriminación de ser á vez muller e galega. Pero nos non atopamos nin rastro de victimismo nin da melancolía que intencionadamente se lle atribúe e si moito de forte personalidade e profunda sensibilidade, de vigor e rebeldía, de entusiasmo por unha terra, por unha natureza, por unha forma de vivir… Moito de retranca e de ironía, moito de denuncia explícita das inxustizas. Ela mestura con naturalidade a tradición e a vangarda nas súas obras e o seu pensamento segue hoxe a ser adiantado. Rosalía é un espello no que mirarse como galegas, e recoñecerse diversas e fermosas, fortes, intelixentes, alegres e loitadoras.
Por iso, e lonxe das iconografías frías e masculinizadas, que a presentan máis coma icona inmóbil de pedra, queríamos retratar a unha Rosalía viva coa que poder seguir a dialogar hoxe arredor das luces e sombras do pensamento, arredor do xénero, da identidade, da cultura, da política, da vida…