A natureza forma parte dun xeito especial da nosa identidade, ten unha influencia profunda en nos e na nosa filosofía e por iso ten o seu lugar en deica! A natureza galega ten unha capacidade infinita de xerar emocións, de modular o noso estado de ánimo, de condicionar a nosa vida… Fragas, vales, ríos, montes, praias e illas son tesouros dos que desfrutamos pero polos que tamén sufrimos (lumes, petroleiros, industrias contaminantes…) porque os sentimos coma unha prolongación do noso propio corpo.
Nestes primeiros “deicas” da “familia da natureza” pensamos en tres iconas da nosa xeografía:
O Toxo e as súas flores enchen Galicia de cor case todo o ano. Fermosa e delicada a vez que resistente e agresiva, pranta salvaxe que se adapta a todo, que renace das situacións máis difíciles e que durante séculos foi un recurso amplamente aproveitado para a vida diaria do campo.
Un paseo pola Carballeira é unha mostra de escultura expresionista, unha revolta de formas debuxadas no ceo que cambian co día e co mes do ano. A carballeira é moito máis que un conxunto de arbores, é un ecosistema equilibrado e sostible, un fogar. É un escenario ideal para as festas e as romarías, un escenario para a vida.
O Lique é un termómetro do estado de saúde da natureza e Galicia esta chea deles, dende os máis delicados ata os máis resistentes. É un ingrediente inseparable da nosa arquitectura, sexa na pedra, na madeira, no formigón, no ladrillo ou na uralita, en pouco tempo os liques entran en acción para policromar e mimetizar as construccións coa paisaxe.