Nestes primeiros “deicas” da “familia da natureza” pensamos en tres iconas da nosa xeografía:
O Toxo e as súas flores enchen Galicia de cor case todo o ano. Fermosa e delicada a vez que resistente e agresiva, pranta salvaxe que se adapta a todo, que renace das situacións máis difíciles e que durante séculos foi un recurso amplamente aproveitado para a vida diaria do campo.
Un paseo pola Carballeira é unha mostra de escultura expresionista, unha revolta de formas debuxadas no ceo que cambian co día e co mes do ano. A carballeira é moito máis que un conxunto de arbores, é un ecosistema equilibrado e sostible, un fogar. É un escenario ideal para as festas e as romarías, un escenario para a vida.
O Lique é un termómetro do estado de saúde da natureza e Galicia esta chea deles, dende os máis delicados ata os máis resistentes. É un ingrediente inseparable da nosa arquitectura, sexa na pedra, na madeira, no formigón, no ladrillo ou na uralita, en pouco tempo os liques entran en acción para policromar e mimetizar as construccións coa paisaxe.